Coincidindo coa data na que se celebraba a Feira do Vento en Lalín, primeiro xoves tras o domingo de Pascua, abre no Museo Galego da Marioneta a sala adicada a Barriga Verde; marioneta que visitaba fielmente esta feira ata mediados da década dos sesenta.
A xenerosidade mostrada pola familia Silvent co Museo Galego da Marioneta posibilitou que estas pezas fundamentais na historia do teatro popular galego enriquezan os fondos do museo.
O espectáculo de Xosé Silvent tivo, ademais, a peculiaridade de ser unha das escasas mostras de teatro en galego realizadas durante o franquismo, unha forma de teatro popular reivindicada por autores como Risco, Cunqueiro, Manuel María, Méndez Ferrín ou Borobó entre outros. Os títeres de feira ían dirixidos a públicos de todas as idades e a súa funcionalidade era máis ben catártica.
Barriga Verde incorpora as características esenciais da tradición europea de títeres de cachaporra, forma parte da extensa familia de Guignol, Pulcinella, Don Roberto, Don Cristobal, Punch e moitos outros. A súa popularidade en Galicia foi enorme entre 1920 e 1960, cando a familia Silvent percorre gran parte das feiras e vilas coa súa barraca. Barriga Verde transcendeu o personaxe da peza de títeres pasando a dar este mesmo nome aos titiriteiros que a representaban e a frase coa que remataba o espectáculo ¡Morreu o demo e acabouse a peseta! pasou a fala como refrán ou sentenza.
Na actualidade e compartindo obxectivos coa Asociación cultural Morreu o Demo e enmarcadas no Proxecto Barriga Verde lévanse a fin unha serie de iniciativas e accións para reivindicar, divulgar e investigar a esta irreverente marioneta
Pingback: Barriga Verde no Museo da Marioneta - Barriga Verde