Grazas a todas e todos!!!!!!!!!

O Museo Galego da Marioneta pecha pola realidade burocrática e os incumprimentos do Concello para garantir o funcionamento do proxecto expositivo

Viravolta reúne á prensa para explicar as razóns da desaparición do centro e achácalle ao Concello de Lalín demoras nos prazos, incumprimentos e falta de comunicación que en nada axudaron para a supervivencia do Museo

Martes, 21 de maio-. O Museo Galego da Marioneta pecha pola fartura que provoca bater coa realidade burocrática, pola demora institucional para outorgarlle unha entidade xurídica tras 19 anos de traxectoria e polos incumprimentos do Concello para dar unha solución defintiva que garanta o funcionamento deste Museo que convertía o Deza nunha capital de referencia para o teatro de monicreques. Así resumiron os integrantes de Viravolta Títeres –Pilar Álvarez, Julio Balado e Anxo García– os motivos do peche no Café Camilo, onde a compañía convocou a prensa para explicar a súa posición máis alá do comunicado que se fixo público a semana pasada.

Neste sentido, Viravolta Títeres lembrou que o Museo Galego da Marioneta se fundou en 2001 pola vontade desta compañía e do Concello de Lalín para dotar ao municipio dun espazo para amosar non só a súa colección de marionetas, senón un conxunto expositivo de gran valor histórico e etnográfico que se armou nestes anos a través de doazóns e depósitos até superar as máis de trescentas pezas. Os seus fondos inclúen coleccións tradicionais chegadas dende países como Chequia ou Bélxica, pezas facilitadas por compañías galegas como Cachirulo, Tanxarina, Os Monicreques de Kukas, Artello alla Scala, Trécola, e de pezas históricas vinculadas a Barriga Verde. Ademais, o Museo conta cunha biblioteca con máis de 3.700 volumes, o cal –xunto ao seu fondo expositivo– convertían o centro “nun espazo referencial para fomentar o desfrute, a investigación e a recuperación da arte da marioneta”.

INCUMPRIMENTOS

Dende Viravolta sinalan que, malia que o Concello elaborou un anteproxecto para o Museo e desenvolveu a catalogación dos seus fondos, dando así os pasos necesarios para dotalo de entidade xurídica, ambas accións implicaban unha serie de condicións que non foron cumpridas. A compañía fai referencia así ao anteproxecto de 2017, cuxo obxectivo final é dotar de estrutura xurídica ao Museo, que ve dificultado enormemente o seu funcionamento por esta carencia, xa que resulta imposible contar con orzamentos, contratar persoal ou optar a subvencións e convenios coas administracións autonómicas e estatais.

Por outra banda, ese anteproxecto recollía a necesidade de trasladar a mostra permanente no seu emprazamento actual ás plantas superiores do Prazo Liñares, xa que a colección corre graves riscos de conservación no espazo actual. Non obstante, ese traslado nunca se materializou e as plantas superiores do inmoble foron ocupados por outras propostas.

No citado Anteproxecto, ademais, especifícase textualmente, que o “proceso para establecer as condicións que permitirán obter o debido recoñecemento da Xunta de Galicia non debería dilatarse máis de dous anos e medio” e que durante ese lapso de tempo o Museo “debería manter as súas actividades públicas”. Neste punto, prodúcese un novo incumprimento, xa que dende a elaboración do anteproxecto en 2017 non se reverteu a inactividade, situación que se arrastraba xa dende 2015. Ao respecto da catalogación, desenvolvida polo Concello no verán de 2018, o procedemento non resultou completo, porque se ben si se catalogaron máis de 300 pezas, aínda falta un gran número de pezas, incluída parte da colección de Viravolta.

FALTA DE COMUNICACIÓN

No momento en que o Concello quixo iniciar a catalogación das pezas, propiedade da compañía, Viravolta condicionou a súa execución á reactivación da actividade no ano 2018, especificándolle ao Concello que de non producirse tal recuperación, cumpriría pechar. Non obstante, o ano foi avanzando sen que se cumprise o obxectivo, motivo polo cal Viravolta se reuniu en novembro coa concelleira de Cultura, Lara Rodríguez Peña, e en decembro, co alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, para abordar a situación. En ambas as dúas xuntanzas, solicitadas por iniciativa de Viravolta, explicouse dende o Concello a imposibilidade de poñer en marcha a actividade nese curso por cuestións administrativas, polo que se deu outro novo prazo, que se estendía até o 31 de marzo. Non obstante, nada cambiou nese tempo.

Así, a comezos de maio se adiantou de forma extraoficial ao Concello a intención de Viravolta de desistir de forma inmediata do proxecto do Museo. O día 13 de maio procedeuse dende a compañía a enviar senllos correos electrónicos á Alcaldía e ás Concellerías de Cultura e de Turismo, responsables do Pazo de Liñares, para achegarlles a decisión en firme. Só se atopou resposta de forma indirecta, a través dos medios e coas explicacións facilitadas á prensa por parte concelleira de Cultura. Esta situación amosa, dende o punto de vista de Viravolta, unha falta de comunicación que en nada axudou á supervivencia do Museo Galego da Marioneta.

Viravolta, ademais, detallou outra circunstancia que ilustra o diálogo pouco efectivo por parte do Concello. Neste senso, a compañía destacou que en 2016 se creou, tal e como se recolle no convenio entre Viravolta e o Consistorio, unha Comisión de Coordinación para o Museo, composto por membros da formación e representantes municipais e que en todo este tempo só se reuniu nunha ocasión, cando o convenio obrigaba, como mínimo, a unha xuntanza anual.

AGRADECEMENTOS

Viravolta concluíu a rolda de prensa achegando a súa gratitude e agarimo a todas as persoas que fixeron posible, mentres durou, un proxecto tan fermoso e ilusionante. Ademais, lembraron que o peche non é un capricho en pleno proceso electoral, senón que a compañía levaba dous anos comunicando ao Concello o desexo de finalizar un proxecto ao que Viravolta dedicou preto de dúas décadas de esforzo, entrega e traballo, moitas veces mesmo supeditando a viabilidade do Museo Galego de Marioneta aos intereses da propia empresa.

Advertisements

About Biblioteca Marioneta

Biblioteca especializada. Viravolta Títeres
Esta entrada foi publicada en Varios. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s